Skip to content

Noticias Galicia Digital

Julkaise syötteitä Galicia Digital: Plataforma de portales temáticos gallegos en Internet
Plataforma digital de Portales tematicos de Galicia en la Red, Artes, Cultura, Asociaciones, deporte, Instituciones, Empresas, Educacion, Turismo, Galegos, Empleo, Agenda, Idioma...
Syötteen kokonainen osoite. 2 tuntia 26 min sitten

A débeda de Galicia sitúase por debaixo do 18% por primeira vez desde 2013

To, 12/12/2019 - 23:00

O endebedamento da Comunidade Autónoma de Galicia ao peche do terceiro trimestre situouse no 17,8% do PIB, segundo os datos do Banco de España, que volve ratificar que Galicia é unha das comunidades autónomas –a quinta– con menor endebedamento, 6,3 puntos menos que a media estatal. Trátase da primeira vez, desde 2013, que esta ratio baixa do 18%. Galicia conseguiu reducir no período analizado en seis décimas o seu endebedamento sobre o terceiro trimestre de 2018, que era do 18,4%. En canto á comparativa sobre o segundo trimestre de 2019, a evolución é igualmente significativa, cunha diminución de cinco décimas, ao pasar a ratio do 18,3% ao 17,8% sinalado.

A BFAero permite reter e atraer talento para desenvolver en Galicia un novo ecosistema de emprendemento aeroespacial

To, 12/12/2019 - 23:00

Celebrouse en Lugo a xornada final de selección dos seis proxectos que entrarán a formar parte da segunda edición da aceleradora Business Factory Aero (BFAero), iniciativa que permite reter e atraer talento cara a Lugo e cara a Galicia desenvolvendo así un novo ecosistema de emprendemento e de innovación en torno ao sector aeroespacial. Neste sentido, dos seis novos proxectos escollidos, cinco deles proceden de empresas e startups galegas, e un ten a súa orixe en Barcelona. En total, das doce iniciativas que participan nas dúas edicións da aceleradora, nove teñen orixe en Galicia, e outros tres en Madrid, Barcelona e Valencia. Estes proxectos permitirán que desde Lugo e desde Galicia se sigan impulsando solucións innovadoras vinculadas aos vehículos non tripulados e ao sector aeronáutico.

Andalucía, Castela e León, Estremadura e Galicia suman esforzos para impulsar a Vía da Prata como axente dinamizador da España interior

To, 12/12/2019 - 23:00

Andalucía, Castela e León, Estremadura e Galicia reforzan o seu compromiso para impulsar a Vía da Prata como elemento dinamizador dos seus territorios, o que poderá ter especial incidencia no rural e en zonas con problemas demográficos. Con este obxectivo reúnense en Santiago os responsables das áreas de Cultura e Turismo das devanditas comunidades. En concreto, participan a conselleira de Cultura e Patrimonio Histórico da Junta de Andalucía, Patricia del Pozo; o conselleiro de Cultura e Turismo da Junta de Castilla y León, Javier Ortega; a conselleira de Cultura, Turismo e Deportes da Junta de Extremadura, Nuria Flores, e o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, noEncontro de Comunidades Autónomas da Vía da Prata.

A Xunta trasládalle ao Goberno de España unha proposta para evitar incrementos extraordinarios nas peaxes da AP-9 e aplicar novas bonificacións do 25 % nas viaxes de ida e volta nun mesmo día

Ke, 12/11/2019 - 23:00

Por unha parte, esta alternativa céntrase na revisión da aplicación do Real Decreto que fixa o aumento de tarifas do 1 % acumulativo durante 20 anos para financiar a ampliación da autoestrada en Santiago e na ponte de Rande. Trátase de revisar o acordo pechado en 2011 coa concesionaria, eliminando os pagos inxustificados, xa que, de cumprirse nos seus termos, suporá que os galegos paguen a Audsasa mediante as peaxes un total de 1.400 millóns de euros por unhas obras que custaron preto de 230 millóns. Por outra parte, esta alternativa tamén plantexa a bonificación doutro 25 % a todos os usuarios que realicen traxectos de ida e volta no día pola AP-9.

O Hub Datalife impulsará o valor de Galicia como biorrexión europea de referencia

Ti, 12/10/2019 - 23:00

O Hub Datalife conformará unha rede conectada de coñecemento, infraestruturas ou tecnoloxía, entre outros, para situar no seu núcleo a Intelixencia Artificial (IA) e a analítica de datos, e que ten como ámbitos de aplicación a bioeconomía, a sustentabilidade e a saúde. Máis de sesenta entidades, entre empresas, asociacións e outros centros de coñecemento, integran esta asociación que será presentada nun acto público no mes de xaneiro, e que aspira a impulsar o valor de Galicia como biorrexión europea de referencia. Ás tecnoloxías nucleares do Hub engádeselles de xeito natural a Internet das cousas, a computación de altas prestacións e a ciberseguridade.

Galicia formaliza a primeira emisión de débeda con rendibilidade negativa

Ti, 12/10/2019 - 23:00

Publicarase mañá esta emisión de bonos a tres anos cunha rendibilidade do -0,05%, xunto con outra de 200 millóns a catro anos e cun tipo de xuro cero. Ambas as dúas emisións está dirixidas por Abanca e permitirán amortizar anticipadamente o préstamo correspondente ao Fondo de Facilidade Financeira formalizado no ano 2015, e aforrar 4 millóns de euros en gastos financeiros. O Fondo de Facilidade Financeira é un mecanismo creado pola Administración do Estado para as comunidades autónomas cumpridoras dos obxectivos de estabilidade, o límite de débeda, a regra de gasto e o límite de pago a provedores. Este préstamo tiña un tipo de xuro do 0,83% e un prazo de amortización que vencía no ano 2025.

Presentado o Plan Ribeira Sacra cun investimento de 34 M€ ata 2023, un paso adiante máis para que sexa designada Patrimonio da Humanidade

Ma, 12/09/2019 - 23:00

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presentou esta mañá o Plan Ribeira Sacra. Plan de xestión da paisaxe cultural 2020-2023, unha ferramenta que tal e como explicou é imprescindible para esta zona e supón un paso relevante no camiño cara á súa inclusión na lista do Patrimonio Mundial da Unesco. “Como saben, levamos moito tempo traballando nesta candidatura”, dixo, asegurando que xa se declarou á Ribeira Sacra Ben de Interese Cultural na categoría de paisaxe cultural e xa se conseguiu que a súa candidatura sexa a que presentará España no ano 2021. Momento no que aproveitou tamén para agradecer ás entidades locais o seu compromiso decidido no impulso dunha candidatura que é “capaz de ilusionar a toda Galicia”.

Entregados os Premios do Comercio Galego 2019 a accións innovadoras na xestión comercial

Ma, 12/09/2019 - 23:00

Os Premios do Comercio Galego 2019 distinguen os establecementos a nivel provincial e autonómico que na súa xestión comercial executan accións innovadoras que comporten unha clara diferenciación e unha mellora na fidelización e a personalización do servizo e do produto. Para iso, valórase a transformación dixital, os servizos engadidos á propia oferta comercial, accións promocionais especiais e utilización de ferramentas tales como a web e as redes sociais como canles de comunicación e venda e a integración entre as canles on line e off line. O Premio Comercio de Galicia está dotado cunha contía de 9.000 euros; o Premio Comercio Provincial, cunha contía de 4.000 euros por provincia; e o Premio Iniciativa Dixital para asociacións de comerciantes, cunha contía de 2.000 euros.

Un consorcio europeo liderado pola USC converterá o CO2 en biocombustible verde

Su, 12/08/2019 - 23:00

O proxecto europeo Bac-To-Fuel, coordinado polo profesor da USC Manuel Arturo López Quintela, desenvolverá unha planta prototipo que producirá biocombustible avanzado mediante o uso de bacterias xeneticamente melloradas para converter o CO2, xunto con hidróxeno renovable, nun biocombustible renovable e respectuoso co medio ambiente. López Quintela pertence ao grupo de investigación NANOMAG. O proceso consta de dúas fases, que conforman unha “folla biónica”, que imitará a fotosíntese. No primeiro paso do proceso, utilizaranse nanomateriais innovadores (Atomic Quantum Clústers, ou AQCs) para imitar o proceso natural da fotosíntese mediante o uso de luz solar directa e augas residuais, para obter hidróxeno renovable.

Os gandeiros galegos de vacún de leite ingresaron máis de 731 millóns de euros ata outubro, un 3% por riba do mesmo período de 2018

Su, 12/08/2019 - 23:00

Os ingresos dos gandeiros galegos de vacún de leite superaron os 731 millóns de euros nos dez primeiros meses de 2019, o que supón un incremento do 3% respecto do mesmo período do exercicio anterior. Estes datos reflicten a situación de estabilidade que vive o sector lácteo galego e que se pon de manifesto co incremento progresivo de indicadores coma os prezos e a produción nos últimos meses. Cómpre ter en conta a suba de 0,6 céntimos/litro rexistrada en outubro pasado (última cifra oficial coñecida) en relación co mes de setembro, así como o incremento da produción en preto de 8.000 toneladas no último ano, o que supón un 3,4% máis.

O Salón Teatro recibe a coprodución internacional 'Se fosen turistas, levarían gafas de sol'

Su, 12/08/2019 - 23:00

O Centro Dramático Galego participa na coprodución internacional 'Se fosen turistas, levarían gafas de sol', que poderá verse en Santiago do 11 ao 21 de decembro. A reflexión arredor da emigración, pasada e presente, é o eixo temático desta proposta das compañías galegas Limiar Teatro e Crémilo, que conta tamén coa implicación das entidades portuguesas Teatro Nacional D. Maria II de Lisboa e Comedias do Minho, a arxentina Cía. Nacional de Fósforos de Bos Aires e a uruguaia El Mura de Montevideo. Baixo a dirección escénica de Fran Núñez, responsable tamén da dramaturxia, e a musical de Brais Iriarte, esta comedia sobre a memoria e a desmemoria foi tomando forma ao longo de varias residencias artísticas nos devanditos países.

Presentado o Festival Novos Cinemas de Pontevedra como altofalante do audiovisual galego e punto de encontro do sector

Ke, 12/04/2019 - 23:00

O Festival Internacional de Cine de Pontevedra Novos Cinemas presentou hoxe a súa cuarta edición, que do 10 ao 15 deste mes desenvolverá un programa con presenza destacada do audiovisual galego nas sesións de apertura e clausura, varias vías para o encontro entre os profesionais do sector e o primeiro foco que se lle dedica en España ao cineasta belga Bas Devos. O Festival Internacional de Cine de Pontevedra pretende asumir o papel de altofalante de olladas e realidades cinematográficas diferentes, tanto respecto dos seus monográficos como da principal característica que definen as dúas seccións competitivas: Oficial, centrada en primeiras e segundas obras de cineastas escollidos, e Latexos, con cinco filmes inéditos en Galicia.

A Xunta de Galicia investiu máis de 1.100 millóns de euros no saneamento e abastecemento de auga en toda a comunidade

Ke, 12/04/2019 - 23:00

A Xunta de Galicia ten como un dos seus principais obxectivos estratéxicos o correcto saneamento e abastecemento de auga na nosa comunidade, sen perder de vista en ningún momento a normativa europea na materia. Deste xeito, o goberno autonómico leva investidos nos últimos dez anos más de 1.100 millóns de euros en obras hidráulicas, que se traducen en 350 actuacións en 165 concellos, que reciben deste xeito apoio nas súas competencias de xestión do ciclo da auga. Nos últimos 30 anos, o número de depuradoras activas pasou de 5 (o resto das augas vertíanse directamente ou tras un pretratamento) ata as 148 que están operativas na actualidade.

A nova Lei de Ordenación do Territorio culminará o proceso de regulación urbanística de Galicia

Ke, 12/04/2019 - 23:00

A lei contempla 4 figuras de ordenación diferenciando entre: as directrices de ordenación do territorio; os plans territoriais integrados e especiais; os plans sectoriais; e os proxectos de interese autonómico, unha figura que substitúe aos proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal. Establécese así un único procedemento de tramitación para todos os instrumentos de ordenación do territorio. E outra das novidades é que o documento achega maior seguridade á figura de plan sectorial -o instrumento que ordena e regula a implantación de actividades sectoriais no territorio-, concretando e actualizando a súa definición para diferenciala do concepto de proxecto sectorial.

Preto de 20.000 espectadores asistiron as máis de 330 sesións programadas nunha edición de Cineuropa na que triunfaron as películas dirixidas por mulleres

Ti, 12/03/2019 - 23:00

A edición número 33 de Cineuropa rexistrou unha asistencia de preto de 20.000 espectadores e espectadoras que, ao longo de tres semanas, participaron nas 336 proxeccións que se realizaron este ano. O público foi de novo o encargado de premiar os mellores filmes de entre os máis de 100 títulos que participaron nas cinco categorías oficiais do festival e escolleu as películas Dronningen na sección oficial europea, Papicha no Panorama Internacional, Un día más con vida en Animaeuropa, La llorona dentro de Latidoamericano e For Sama en Docs Cineuropa. O festival despídese cun balance de 30 presentacións realizadas en torno ao mundo do cinema, 21 protagonizadas por directores e directoras e as proxeccións de 18 películas galegas.

A zoqueira de Vila de Cruces Elena Ferro gaña o Premio Nacional de Artesanía e a ceramista viguesa Paula Ojea é galardoada co Premio Produto

Ti, 12/03/2019 - 23:00

Dúas artesás galegas resultaron premiadas hoxe na XII edición dos Premios Nacionais de Artesanía, cuxa cerimonia de entrega se celebrou esta mañá no Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. Elena Ferro, do obradoiro Eferro (Vila de Cruces-Pontevedra), recolleu o trofeo que a acredita como gañadora do Premio Nacional de Artesanía pola súa obra consolidada. Así mesmo, a ceramista e enxeñeira Paula Ojea, do obradoiro Ojea Studio (Vigo), resultou gañadora na categoría Premio Produto pola colección Cut&Fold, en recoñecemento ao mellor produto ou colección dos últimos dous anos. Ambas as dúas forman parte da marca Artesanía de Galicia.

A candidatura da Ribeira Sacra a reserva da biosfera supera o último trámite antes da súa remisión ao Comité Español da Unesco

Ti, 12/03/2019 - 23:00

A candidatura da Xunta para que a Ribeira Sacra e as serras do Oribio e Courel se convertan na sétima reserva da biosfera de Galicia deu un paso máis e decisivo de cara á súa aprobación ao someterse á consideración do Comité de Coordinación da Rede de Reservas da Biosfera de Galicia. Hoxe tivo lugar a sesión constitutiva deste órgano, creado e regulado por decreto a comezos de 2019 e co que se busca fomentar o traballo en rede das reservas da biosfera existentes en Galicia co fin de coordinar e mellorar o seu funcionamento.

A rede de aulas CeMIT prevé superar os 96.000 usuarios o vindeiro ano

Ma, 12/02/2019 - 23:00

Celebrouse hoxe unha Xuntanza de Dinamizadores CeMIT baixo o lema “Traballando no Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020”, destinada aos axentes TIC da Rede de Aulas CeMIT de toda Galicia, que tiveron a oportunidade de expoñer os seus proxectos e intercambiar ideas. Dende os seus inicios en 2011, a Rede CeMIT planificou máis de 370.000 horas de formación en TIC en diferentes niveis e, actualmente, conta con máis de 90.400 usuarias e usuarios rexistrados. Ao longo de 2020 está previsto superar os 96.000 usuarios e realizar máis de 35.000 horas de formación e 2.500 actividades. Cabe destacar o incremento no acceso a internet entre os maiores de 55 a 64 anos, que creceu 15 puntos, só no último ano.

Galicia acumula nove meses consecutivos por riba do millón de afiliados e sitúase como a quinta comunidade na que máis baixa o desemprego

Ma, 12/02/2019 - 23:00

Galicia pechou novembro de 2019 con 4710 parados menos que hai un ano, o que supón unha baixada do -2,76% e un nivel de desemprego moi inferior ao rexistrado hai once anos, xa que en novembro de 2008 había 180.820 parados fronte aos 165.659 actuais. Ademais, a caída de Galicia supera en algo máis dun punto á media estatal, situándose como a quinta Comunidade na que máis descende o desemprego. Por sétimo ano consecutivo redúcese o paro en Galicia nun mes de novembro, que tamén baixou nas catro provincias galegas e nas sete grandes cidades, así como en todos os sectores económicos.

Galicia sitúase á cabeza de España en competencia científica e mellora os resultados en matemáticas, segundo o informe PISA 2018

Ma, 12/02/2019 - 23:00

O informe PISA 2018 -que se fixo público hoxe- consolida e reforza a tendencia de mellora continua do alumnado galego tanto en competencia científica como en competencia matemática, situando a Galicia por riba da media de España, da UE e dos países da OCDE. Ademais, este informe -que analiza o grao de adquisición de destrezas e coñecementos do alumnado de 15 anos-, reflicte tamén que Galicia mellora a súa posición no ránking de comunidades autónomas con respecto ao informe anterior de 2015. Así, en competencia matemática Galicia obtén 498 puntos, 17 máis que a media de España (481) e 9 máis que a media da OCDE (489), e sube 4 puntos en comparación co ano 2015 (cando obtivo un máximo histórico de 494 puntos).